Sunday 08 de September de 2024

O PSdeG e as XSG presentan emendas ao regulamento do Consello Municipal de Mocidade na procura dunha “representación real da mocidade”


Propoñen a creación dunha Comisión Executiva “real” e un pleno con representación da mocidade e con capacidades propias, incluíndo a participación no orzamento do Concello

“A maior participación da mocidade dáse cando o órgano non é só de consulta senón de toma de decisións” defendeu Bouza

O secretario xeral das XSG en Santiago sinalou ademais “déficits” na representación que marca o actual texto: “non se ven representados os sindicatos, nin as seccións mozas dos partidos ou as asociacións de empresarios mozos”

O PSOE de Santiago vén de presentar unha batería de propostas coas que buscan emendar o regulamento do Consello Municipal de Mocidade que fixo público a principios de mes o goberno local. Unhas emendas que van na liña de promover unha “representación real da mocidade” ao tempo que pretenden facultar o Consello con “capacidades propias” como a participación no orzamento municipal.

Nunha rolda de prensa conxunta, na que participaron o secretario xeral das XSG de Santiago, Iago Carril e o secretario xeral do PSdeG na cidade, Aitor Bouza, coincidiron en sinalar nos déficits de representación que presenta o actual regulamento: “non se ven representados nin os sindicatos, nin as seccións mozas dos partidos que teñen representación en Raxoi, nin asociacións de empresarios mozos” explicou Carril.

Así, Bouza explicou que as propostas dos socialistas van na liña de facer aos mozos e mozas protagonistas das políticas activas da mocidade. Precisamente, sinalan a necesidade de crear una Comisión Executiva “real” con capacidades, e un pleno no que estea representada a sociedade moza de Compostela.

Na mesma liña, reclamarán que a Presidencia do Consello, que se lle atribúe á alcaldía, non sexa delegada na concelleira de Mocidade, senón en un dos membros representantes da mocidade de Santiago. Trátase, incidiu Bouza, en “dar unha participación efectiva e real á mocidade”. Neste sentido, asegurou que o texto actual “incumpre claramente” coa Lei de Xuventude de Galicia, onde o artigo que regula os Consellos Municipais de mocidade “establece que deben ser parte e partícipes todas as entidades que forman parte do tecido social da mocidade”.

“O órgano é útil cando non só é de consulta senón de toma de decisións”

O secretario xeral dos socialistas en Santiago insistiu na necesidade de facultar o consello de competencias, ao tempo que propón afondar “nun plan anual de traballo para poder canalizar todas as propostas” para o que, defende, o goberno municipal debe ser “máis ambicioso” e que “isto non quede só nun texto que se publica na páxina web para poder dicir que estamos facendo algo polos mozos e mozas”.

Bouza exemplificou a súa proposta co funcionamento dunha xunta directiva dunha asociación, xa que os cambios estruturais que propoñen teñen que ver co funcionamento do órgano: “é útil cando non só é de consulta senón de toma de decisións” afinou o socialista, que reclamou ademais un cambio nas sesións ordinarias pasando a ser trimestrais -o actual texto recolle que sexan cada seis meses-.

Precisamente, sobre a periodicidade, Bouza critica a proposta do goberno: “non cremos acorde que se reúna dúas veces ao ano porque, entón, é facer un check para dicir que temos ese órgano”.

Rolda de contactos con todas as asociacións xuvenís

O PSdeG de maneira conxunta coas Xuventudes Socialistas da cidade iniciarán ademais a partir da vindeira semana unha rolda de contactos con todas as asociacións xuvenís de Santiago co obxectivo de “achegar novas cuestións” e enriquecer o proceso de constitución do Consello.

Bouza amosouse confiado en que o executivo de Sanmartín “teña en conta estas achegas de maneira participativa” coas que se propón que as mozas e mozos de Santiago “sexan os partícipes reais das políticas activas de mocidade”.